Ruta do Cocido 2010

No ano 1969, e xa van corenta, os lalinenses adicamos un día para exaltar o prato mais tradicional da cociña galega, O COCIDO. Dende entón a Feira do Cocido foi gañando protagonismo e na actualidade é a gran referencia gastronómica no calendario galego. Grazas aos esforzos dos lalinenses, a feira foi declarada no ano 1999 Festa de Galicia de Interese Turístico, acadando cada ano récords de asistencia. Agora xa falamos do Mes do Cocido, e como ben di o refraneiro "De San Amaro a San Valentín mes do cocido en Lalín".
O Alambike CC tamén se apunta á tradición, combinándoa, non podía ser doutro xeito, cunha ruta en BTT e un avituallamento reconfortante e altamente enerxético (nada de barriñas nin bebidas isotónicas).
Para o domingo 17 de xaneiro faremos A Ruta do Cocido 2010. Como de costume sairemos ás 9.30 h. de diante do IES Laxeiro con rumbo ao concello de Agolada, pasando por A Veiga, O Santón, Carballeda, A Ponte dos Cabalos, Parada...; tomaremos un respiro nos Pendellos antes de subir ao mítico monte Farelo e despois dunha serena e magnífica baixada chegaremos a "Casa Manco" en Ventosa. Neste punto rematan os preto de 35 quilómetros de ruta... agora toca xantar.
O cocido de Casa Manco ten moita sona na comarca e, como estas cousas é mellor probalas que contalas, o Alambike CC ten a ben facer extensiva esta actividade a todos os seus socios e non socios. So precisamos que nos avisedes con tempo, que preparedes a vosa bici e que queirades pasar unha xornada con nós.
|
A TER EN CONTA |
|
|
Para pedalear |
Servizo de remolque para bicis ao regreso. Os bikers temos un acolledor vestiario para cambiarnos. Ruta de dificultade media, preto de 35 km. Dependendo dos ciclistas podemos acurtar a distancia. |
|
Para xantar |
Prezo 20€/comensal (adega aparte) Hai que confirmar asistencia antes do 13 de xaneiro. A reserva implica unha sinal de 10€ |
