Breve Historia do Alambike
Se buscásemos o xerémolo do que abrollou o Club Ciclista AlamBIKE, sen dúbida teriamos que remontarnos a un grupo de profesores do IES Laxeiro de Lalín a principios do século XXI. Eles, nas súas conversas entre clase e clase, amosaban xa a inquedanza polas saídas en bicicleta como medio para practicar deporte saudábel gozando da vizosa natureza e da cultura que nos rodea, ao mesmo tempo que se cultivaba a amizade. Entre eses que chamaremos “precursores” hai que nomear a Xosé Manuel García, Manolo Busto, Toño Rodríguez, Elixio Estévez e Xabier Quiroga. Deseguido se lles engadiría Chema Garagorri. As primeiras saídas polos arredores de Lalín e Agolada facíanse un tanto en precario, pois nin as bicicletas nin os equipamentos cumprían con ese mínimo que hoxe sabemos preciso para a práctica deste deporte. Pero saíase a pedalear polas vereas do Deza, e iso importaba.
A primeira manifestación colectiva, a modo de Ruta non só ciclista, tamén pedestre e familiar, faríase en abril do 2002, coa visita ao Castelo de Pambre e o percorrido a pé polos Torrentes do Ulla (foto1 e 2). O éxito e bo ambiente vivido animou a intentar un chanzo máis: constituír un Club federado, do que a seguir falaremos, e a programar unha aventura máis longa: O Camiño de Santiago, en setembro dese mesmo ano, con só 5 atrevidos que pedalearon entre Ponferrada e Compostela.
A constitución do AlamBIKE como Club federado con Directiva ten data fixada na súa acta fundacional: 20 de xuño do 2002. Nese verán elaboráronse os Estatutos (presentados no rexistro de Clubs o 18 de novembro), encargouse un anagrama e buscouse un nome para o Club, que se decidiría despois dunha xuntanza na que se fixeron varias propostas e se resolveu nunha sorpresiva votación secreta. A denominación gañadora, AlamBIKE, ademais da orixinalidade e retranca que carreta, a noso ver resume un sentir deportivo, cultural, aventureiro moi achegado ao eido galego que sempre pretendemos. En canto ao anagrama, a “culpábel” deste fabuloso deseño (foto 3), tan eloxiado por cantos miran e ven, non foi outra que Mar García, artista e profesora no IES Laxeiro.
Cómpre agora poñer nome a esa primeira Directiva do AlamBIKE (ano 2003), formada por Manolo Busto como Presidente, Chema Garagorri como Vicepresidente, Xosé Manuel García como Secretario, Toño Rodríguez como Tesoureiro e Xabier Quiroga como Vocal. Formaban parte do Club outros 13 socios, co que o número inicial de membros do AlamBIKE chagaba ata os 18.
Co paso dos anos houbo algunhas modificacións entre os cargos, pero a máis relevante foi a que tivo lugar no ano 2004: motivos persoais provocaron que o Presidente tivese que deixar o seu posto, asumido ata a actualidade e por acordo maioritario (neste Club todas as decisións se adoptan de xeito asembleario) por Toño Rodríguez. El e mais Xosé Manuel García, como Secretario, son os dous únicos membros do Club que continúan exercendo o labor como directivos desde a fundación.
A seguinte tarefa á que se aplicou esa renovada Directiva foi a busca dun Patrocinador. Neste caso é de xustiza falar de Miguel Framiñán e Gemma Cardigonde, que se implicaron co AlamBIKE nun patrocinio que marcou todo o equipamento e manifestacións externas do Club, que como lóxica contrapartida pasearía o anagrama da empresa Framiñán Grupo Inmobiliario por toda a xeografía galega ata o 2009, ano en que se modifica o deseño da roupa e se prescinde de todo patrocinio.
Outro feito que hai que poñer de relevo foi a incorporación (ano 2003) dalgúns dos membros do Club Ciclista do Deza (grandes precursores do ciclismo na nosa vila) ao AlamBIKE, o que supuxo un pulo de experiencia e saber facer, sobre todo polo seu coñecemento de lugares e camiños esquecidos da comarca, así como na planificación da que será unha das tarefas que asumiu o Club, se cadra como herdanza dos máis antigos: a organización dunha Ruta BTT a Lalín. Como non podemos nomealos a todos, mencionar a X. Manuel Moure e, sobre todo, Félix Adán, actualmente integrado na Directiva e cunha activísima implicación no AlamBIKE.
A organización da Ruta BTT a Lalín corre a cargo do AlamBIKE desde o 2004. Desde ese ano e sen interrupción o noso Club, contando sempre coa colaboración do Concello de Lalín, asume a enorme tarefa de ir mellorando progresivamente unha ruta consolidada a nivel galego e considerada como unha das máis espectaculares do circuíto BTT do noso país. O número de inscritos, que medra cada ano e ao que sempre hai que poñer un límite, así o testemuña.
E posto que entramos no eido das rutas, outra das manifestacións nas que se moven os membros do AlamBIKE son a participación en rutas BTT. Xa sexa estando federado ou non, a presenza do maillot alambikeño leva anos sendo un feito habitual por toda España e Portugal.
Pero sen dúbida ningunha o que sempre nos deu identidade como Club é a realización de dúas actividades que consideramos básicas e que constitúen a nosa marca esencial: as saídas dominicais e a realización de grandes Rutas programadas, case sempre familiares e que combinan a bicicleta co sendeirismo.
As saídas dominicais son ese elo básico para manter conectados aos seus membros. Case non hai mañá de domingo que non apareza un grupo de xente diante do IES Laxeiro disposta a perderse polos fermosos cavorcos da comarca do Deza, como case non hai lugar ou sendeiro que non teña visto aos membros do AlamBIKE dar pedal para chegar onde semella imposíbel chegar.
O outro aspecto identitario: as que nós denominamos Rutas ciclo-pedestre-lúdico-gastronomico-culturais. Planificadas meticulosamente por algún dos compoñentes do Club, desde aquela inicial de Pambre e os Torrentes do Ulla, o CC AlamBIKE e os seus achegados teñen percorrido boa parte da xeografía natural e cultural galega. Nomearemos só as máis representativas: Fervenza do Toxa e Carboeiro; serra da Martiñá e río Barbantiño; o Camiño da Prata; A Comarca do Ribeiro; 3 na Ribeira Sacra: o Saviñao, Amandi-Sober e Chantada; a serra do Candán; a serra da Queixa e Manzaneda; as terras de Samos; O Val de Camba; os Sobreirais do Arnego; o Monte Farelo; a Gouxa e Oseira; a Fervenza de Férveda en Escuadro. Trátase sempre de ofertar un plan turístico e familiar a todos os membros do Club AlamBIKE, que consideran esencial manter ese espírito inicial de amizade que non só nos identifica, senón que nos une nunha historia que non se pecha aquí, senón que segue aberta aos moitos vieiros que restan por descubrir.
